Blogs Blogs
Blogs »
A Xunta e o CSIC reforzan as actividades de investigación do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) veñen de reforzar a súa colaboración para o desenvolvemento de actividades específicas de investigación do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), centro mixto do CSIC e da Xunta de Galicia, en materia de historia e de patrimonio, relacionadas coa configuración identitaria de Galicia desde o medievo.

Para tal fin, o conselleiro de Cultura en funcións, Román Rodríguez, e mais o presidente do CSIC, Emilio Lora-Tamayo, veñen de asinar un convenio ao abeiro do cal a Consellería financiará con 72.000 euros actividades do instituto nos anos 2016 e 2017. O convenio e as súas liñas de actuación foron dadas a coñecer hoxe nun acto na Consellería ao que asistiu o conselleiro de Cultura en funcións, Román Rodríguez; o delegado institucional do CSIC en Galicia e director do IEGPS, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, e o vicedirector do IEGPS, Antón Pazos.

Deste xeito, o IEGPS poderá reforzar as súas liñas de traballo en dous ámbitos: sobre Historia social do poder desde a Idade Media, e sobre o Patrimonio e identidades de Galicia.