Instituto de Investigaciones Marinas

Efectos de la captación de CO2 en el Atlántico Norte

O aumento do CO2 atmosférico debido á actividade humana ten sido suavizado pola absorción oceánica. Pero non sen consecuencias para as masas de auga do planeta, xa que esta absorción provoca unha serie de cambios químicos denominados acidificación oceánica. Os efectos son máis severos nos océanos de latitudes altas e as augas profundas das rexións nas que os movementos verticais son rápidos, é dicir, aquelas onde se forman masas de auga, como o Atlántico norte, están expostas máis rapidamente á acidificación.

No estudo deste proceso céntrase a tese de doutoramento de María Isabel García Ibáñez, a primeira presentada ao abeiro do programa de doutoramento DO*Mar e realizada no Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) baixo a dirección de Fiz Fernández. Deste xeito, a investigadora converteuse onte xoves na primeira doutora do programa de posgrao do Campus do Mar, que arrancou hai tres anos. O balance deste primeiro período segundo o seu coordinador, Manuel Varela, é positivo, cumpríndose as expectativas de calidade da formación e de matrícula, con 131 estudantes inscritos de 14 países diferentes.

 

Os efectos da acidificación do Atlántico norte

 

A tese de García Ibáñez céntrase na acidificación e os transportes de masas de auga e CO2 no Xiro subpolar do Atlántico norte (NASPG), entre o norte de España e Groenlandia. Para determinar o efecto dos cambios da circulación oceánica na captación e almacenamento do CO2 atmosférico producido polo home, a investigadora estudou a distribución, transporte e transformación das masas de auga do NASPG na primeira década dos 2000, concretamente entre 2002 e 2010. Ademais tamén analizou a variabilidade interanual na estrutura das masas de auga entre 1997 e 2010.

Os datos obtidos no seu estudo corroboran a peor das predicións do IPCC, o Panel Intergubernamental do Cambio Climático: o nivel de carbonato cálcico nesta zona do Atlántico “dentro de 50 anos será 0”, explica a doutora. E é que o proceso de captación de CO2 por parte dos océanos provoca a acidificación da masa de auga e isto tradúcese no descenso do PH, o aumento de bicarbonato e o descenso de calcio. Polo tanto, as conclusións da investigación de García Ibáñez amosan que se camiña cara o peor dos escenarios previstos polos expertos do IPCC. Esta drástica redución da concentración de carbonato cálcico nesta zona do planeta terá un forte impacto sobre moitos organismos vivos, xa que como apunta a investigadora, este composto é imprescindible por exemplo “para a formación das cunchas de bivalvos como o mexillón ou a ostra e do esqueleto externo dos corais”.

 

Balance moi positivo do programa DO*Mar

 

O programa de doutoramento ‘Marine Science, Technology and Management’ (DO*MAR) comezou a impartirse o curso 2012-2013. Este título é a grande aposta do Campus de Excelencia en materia de formación de posgrao e nel colaboran as tres universidades galegas xunto con tres do norte de Portugal (Aveiro, Minho e Tras os Montes- Alto Douro), o CSIC e o IEO. O programa xurdiu cunha visión global e planificación plurianual, con carácter internacional e transfronteirizo, co obxectivo de formar profesionais e investigadores no ámbito mariño nas diferentes vertentes científicas e tecnolóxicas así como nas súas aplicacións económicas e sociais. Tras os tres primeiros anos a a lectura da primeira tese, Manuel Varela amósase “razoablemente satisfeito”, pero tamén destaca que “naturalmente aspiramos a ampliar esta expectativa con novos campos de investigación, máis participación internacional e máis difusión a partir dos resultados que podamos ir presentando, especialmente pola calidade das teses de doutoramento que se vaian presentando, como esta primeira, que serán a mellor tarxeta de presentación do programa”.

Explica que “a incorporación de alumnos e investigadores-directores de tese está respondendo ás expectativas e, tendo en conta que se trata de un programa de certa complexidade polo número de centros implicados e de campos de investigación comprometidos, ter conseguido xa unha boa dinámica de conxunto parécenos moi positivo”. O coordinador do programa fai balance pero tamén se mira cara o futuro marcando tres retos principais para o programa DO*Mar: “máis calidade, máis internacionalización e máis amplitude de campos de investigación”. Destaca que de cara ao vindeiro curso o doutoramento terá máis alumnos e alumnas matriculados nas universidades portuguesas, ao incorporarse os primeiros estudantes na Universidade do Minho e na UTAD. “Estamos abrindo ademais as posibilidades de teses en co-tutela, con dirección e estancia compartidas con outras universidades, comezando coa escocesa de Aberdeen”, engade o coordinador.

 

As cifras DO*Mar

 

O programa DO*Mar ten unha duración de tres anos. No ano da estrea matriculáronse 31 estudantes, 53 no segundo e 47 no actual, curso no que remata a primeira promoción deste doutoramento. En total 131 estudantes, a maioría procedentes da Universidade de Vigo (97), seguida da Universidade da Coruña (14), Santiago de Compostela (11) e Aveiro (9). Dado o perfil internacional do programa de doutoramento nestes tres anos matriculáronse estudantes de 14 países diferentes. España é a procedencia máis habitual (99), seguida de Portugal (13) e Cabo Verde (4), pero por Do*Mar pasaron investigadores de Angola, Arxentina, Bangladés, Brasil, Chile, Cuba, Francia, Italia, Polonia, Senegal e Venezuela. No relativo aos ámbitos de investigación, o máis común é o científico (113), mentres o xurídico-social, económico, tecnolóxico e humanístico teñen moita menos presenza. Atendendo ás titulacións dos estudantes, Bioloxía (46) e Ciencias do Mar (27) son as predominantes, aínda que hai alumnos e alumnas de todas as ramas, dende Ciencias Políticas, Xeografía e Historia ou Administración e Dirección de Empresas ata Ciencias da Educación, diversas enxeñarías ou Socioloxía.

O programa DO*Mar enmárcase no eido dos catro clústeres de investigación de Campus do Mar, que son as catro orientacións deste programa, que a su vez se dividen en un total de 12 áreas de especialización. A orientación que conta con máis estudantes matriculados é a de xestión integral do mar, con 46 investigadores, seguida do uso sostible de recursos mariños con 45. A oferta complétase coa orientación de observación do océano e cambio global (32 ) e desenvolvemento tecnolóxico, enxeñaría e xestión empresarial (8). O programa dispón dunha base de posibles directores de tese con 445 doutores inscritos pertencentes ás institucións de Campus do Mar. Os cursos de formación avanzada e de formación transversal son impartidos en inglés e pódense seguir en liña dende calquera campus. Coordinados por docentes e investigadores de Campus do Mar, son impartidos polo menos nun 50% por investigadores internacionais de recoñecido prestixio.

Fuente: http://duvi.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=view&id=10174&Itemid=2

thumbnail.jpg

Descargar